NOTICIA

A Liga dos Cantantes Extraordinarios segue na procura da mellor voz

A Liga dos Cantantes Extraordinarios segue na procura da mellor voz
Denunciar esta imagen
A TVG ofrece esta noite unha nova entrega de A Liga dos Cantantes Extraordinarios (22.35 h.), tras unha estrea cun seguimento destacado que lle outorgou á nova aposta da canle pública unha cota media de audiencia de 10,6% na competida noite do xoves (12,6% na tarde do domingo). Este novo concurso, que presenta o versátil Paco Lodeiro, busca cada semana a mellor voz entre oito cantantes solistas das orquestras que máis enchen de espectáculo as nosas verbenas. Ao remate de cada gala, só un aspirante se clasificará para a gran final do programa.

Cada cantante ten que defender un tema que lle propón o xurado e que representa a súa bancada con estilos moi diferentes. No primeiro programa, tras resolver a fase semifinal entre César Romero (Orquesta Cinema) e Tania Veiras (Grupo Tania Veiras), coouse Tania Veiras na primeira praza para a gran final.

Nesta segunda edición, o canario Santi Pulido, da París de Noia, entrará en substitución do seu compañeiro Diego Moreira e Laura Añón, da Orquesta Finisterre, pasará a ocupar o lugar deixado por Tania Veiras na primeira edición. Estes dous novos cantantes incorpóranse ao grupo de aspirantes, integrado por Noly (Los Satélites), Rosa do Mar (Orquesta Miramar), César Romero (Orquesta Cinema), Peke (La Fórmula), Eulícer Arostegui (Orquesta Olympus) e Iria Riola (Orquesta Trébol).

A Liga dos Cantantes Extraordinarios contará a maiores esta noite coa visita de Blas Piñón, representante e antigo membro da orquestra París de Noia, que xunto co noso presentador Paco Lodeiro e Lito Garrido abrirán o programa cunha posta en escena moi divertida, facendo versións e mesturando títulos moi recoñecibles.

O xurado, formado por Pili Pampín, Lito Garrido, Mon (Monopolius Dop) e Lucía Pérez, é o responsable de avaliar cada actuación dos 8 cantantes. Amais, no programa gozarase coa colaboración do televisivo Pepe Capelán.